Saturday 04 de May de 2024

A Xunta e o concello de Touro destinarán máis de 117.000€ a humanizar un espazo público en Mourelos


— As obras enmárcanse no Plan Hurbe, impulsado en 2010 para apoiar ás entidades locais en proxectos que melloren as condicións e a calidade de vida da súa veciñanza

— Desde entón, só na provincia da Coruña están comprometidas ou xa executadas un total de 96 actuacións urbanísticas por un importe estimado de 47,13 M€

A Xunta e o Concello de Touro colaborarán nas obras de humanización e rehabilitación dun espazo público no núcleo rural tradicional de Mourelos de Abaixo, tal e como establece o convenio subscrito esta tarde entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ignacio Codesido.

Cun investimento previsto de algo máis de 117.000 euros —contía que achegará nun 70% o Goberno galego e nun 30% a Administración local—, os traballos pretenden mellorar o aspecto tanto estético como funcional do ámbito da actuación, que se centrará no viario público que dá servizo a este núcleo.

En concreto, o proxecto prevé a substitución do pavimento actual por outro de formigón de 20 centímetros de espesor con dúas franxas laterais de lastro de granito de 20 centímetros de ancho e unha franxa central de lousas de pedra. Así mesmo, tamén se mellorarán os servizos, con 183 metros de rede de recollida de pluviais, unha canalización soterrada para cable de alumeado público e a instalación de 13 puntos de luz LED, arquetas e da adaptación dos pozos de saneamento existentes.

A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. Ata o momento, só na provincia da Coruña están comprometidas ou xa executadas un total de 96 actuacións.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.